Friday 03 de May de 2024

A Federación Galega de Salvamento e Socorrismo ofrece actividades de axuda á conciliación a realizar na praia de Caión


Van dirixidas a rapaces de entre 4 e 16 anos de idade. As inscricións deben formalizarse na web da FESSGA.

Os usuarios da praia de Caión poderán beneficiarse neste verán do Plan Corresponsables a través do que a Federación Galega de Salvamento e Socorrismo (FESSGA) oferta actividades de animación socio deportiva co obxectivo de contribuír á conciliación das familias.

A iniciativa é impulsada pola Consellería de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte co apoio das diferentes federacións deportivas, entre elas a FESSGA.
No caso da praia de Caión, as actividades realizaranse ata o 15 de setembro. Os luns, martes e venres o horario será de 10:00 a 19:30 horas. Os martes e os xoves, soamente en horario de mañá, de 11:00 a 13:00 horas.

Poderán participar rapaces de idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos. As inscricións son gratuítas e deben formalizarse cubrindo o formulario dispoñible na web https://fessga.es/, no apartado ‘Plan Corresponsables’ e, dentro del, seleccionando ‘Grupo Caión’.

Terán prioridade de acceso as familias monoparentais, vítimas da violencia de xénero, mulleres en situación de desemprego de longa duración e mulleres maiores de 45 anos de idade.